En nome da comunidade educativa do IES O Couto benvidos á nosa páxina WEB. Nestas páxinas poderán atopar informacións diversas acerca do Centro, coñecer novas de interese, ver fotografías das actividades desenvolvidas, etc. Esperamos que sexan de interese para todos.
CURSO 2009-2010
Apreciada comunidade educativa:
O novo curso 2009-10 comezou a súa singradura. Tralas primeiras xornadas, xa podemos centrarnos naqueles puntos que van ser de suma importancia ao longo do presente curso escolar.
- Actividades extraescolares e complementarias:
Trala boa acollida que tiveron no curso pasado as numerosas actividades por parte de pais, profesores e alumnos, o Centro involucrarase de novo na realización destas (traballos, visitas, viaxes, teatro, revista...) coa mesma dedicación coa que o fixeron o curso pasado. Son moitos os proxectos que se están a presentar nestas primeiras semanas nesa liña por parte dos diferentes Seminarios ante a dirección do Centro.
- Reforma educativa:
Cando resta un único curso (2º de Bacharelato) para completarse a reforma educativa - L.O.E. -, o Claustro de Profesores continúa traballando en dous dos tres grandes proxectos que marcarán as liñas pedagóxicas nos anos futuros:
1) Proxecto T.I.C. ( baseado nas novas técnicas de información e comunicación).
2) Proxecto Lingüístico (contará cun equipo formado por profesores de todas as linguas que se imparten no Centro).
O outro gran proxecto - O Proxecto lector - elaborado ao longo dos últimos dous cursos e aprobado polo Claustro de Profesores, estase a aplicar no curso actual. Esperamos que a súa posta en funcionamento acade o obxectivo de fomentar a lectura entre os nosos alumnos.
- Obras:
En datas previas ao inicio de curso procedeuse á reforma dos aseos do ximnasio que precisaban dunha mellora xeral, así coma a construcción duns vestiarios para uso da cancha externa.
- Páxina web:
A páxina web do Centro, operativa dende hai varios meses, ofrece unha ampla información acerca das actividades que se están a desenvolver no Centro. Nela pódense consultar os horarios, as datas dos exames de xuño e setembro, as horas adicadas á atención de pais, etc.
- Rendemento académico:
Acadaron o título de Bacharelato o 89 % dos alumnos matriculados. Destes, superaron a proba de acceso á Universidade o 100 %. Aproveito a ocasión para felicitalos a todos eles e moi especialmente a Marta Gómez e a Miriam Lucio Martínez que, tras obter xunto con outros dezaoito compañeiros unha media superior a 9 puntos no Bacharelato, acadaron o Premio de Excelencia Académica.
Estes logros, lonxe de acomodarnos na autocompracencia, anímanos a seguir traballando con entusiasmo convencidos de que, se ben estamos no bo camiño, aínda nos queda moito por facer neste cada día máis complicado mundo do ensino.
- Novidades:
- No presente curso incorporamos ás aulas unha pizarra dixital e varios cañons que xunto co importante número de ordenadores cos que contamos, todos eles conectados a internet esperamos contribúan a situarnos como centro pioneiro no uso das novas tecnoloxías.
- A Dirección do Centro está a seguir ad pedem litterae as recomendacións da Consellería de Sanidade para evitar na medida do posible a propagación da gripe A.
- A todos vós, profesores, alumnos, ANPA, pais e demais persoal, exhórtovos a seguir traballando cóbado con cóbado no convencemento de que só deste xeito conseguiremos un futuro mellor para todos.