¿QUEN É ÁLVAREZ BLÁZQUEZ?
Hai poetas que conseguen facilmente a gloria e outros que nacen marcados polo destino e que loitan toda a súa vida pola palabra e pola historia para ocupar apenas un parágrafo nos libros de texto. Son aqueles que, coma Xosé María Álvarez Blázquez, foron maltratados pola vida e polas circunstancias políticas que lle tocou vivir pero que souberon recuperar a dignidade e a memoria histórica; aqueles que en tempos difíciles levantaron a súa voz e asumiron o compromiso de proporcionarlle aos seus contemporáneos instrumentos para a defensa da cultura.
Nesta webquest poderás deseñar un percorrido histórico, literario e biográfico deste escritor e polígrafo galego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras galegas, seguindo a súa fructífera andaina polas diferentes facetas da cultura galega. Poderás converterte no seu biógrafo; traballar como cartógrafo, historiador ou arqueólogo; exercer de filólogo ou crítico literario e mesmo de editor ou poeta. Sígueme…