
Esta actividade iniciarase coa lectura dalgún poema seleccionado polo profesor, quen salientará o fonosimbolismo e a musicalidade dos versos e formulará preguntas sobre os topónimos que poidan aparecer nos textos, para logo convidar aos alumnos a buscar información en internet sobre o autor, sobre poemas seus musicados ou recitados e sobre o Courel.
Unha vez finalizada a fase de indagación, hai que organizar o material para a súa presentación e posta en común. Nesta última fase é interesante contar con alumnos que teñan coñecementos de informática e maquetación para realizar a presentación gráfica ou en PowerPoint.
A clase dividirase en tres grupos, segundo as tarefas programadas, e cada alumno escollerá a tarefa e o “rol” que máis lle guste ou aquel para o que se considere máis capacitado:
Biógrafos e críticos literarios.-Este grupo será o encargado de elaborar o material relacionado coa vida e obra do autor. Poderán formar parte del alumnos dispostos a asumir “roles” de: biógrafos, historiadores da literatura, sociólogos, críticos literarios, filólogos, ilustradores, deseñadores gráficos e fotógrafos.
Redactores e locutores de radio e televisión.-Serán os encargados de realizar unha escolma de poemas para seren recitados na aula polos propios alumnos ou elaborar unha audio/videoteca sobre o poeta e preparar unha audición ou recital. Poden estar integrados nel alumnos co “rol” de: documentalista, locutor, xornalista, poeta, músico, crítico literario, etc.
Guías turísticos.-Este grupo será o encargado de recoller e elaborar a información sobre o Courel: localización xeográfica en Google Maps ou en Google Earth, xeoloxía da zona, flora e fauna, poboacións e lugares de interese, edificacións, gastronomía, oficios e tradicións, itinerarios, roteiros, etc. Poderán formar parte deste grupo alumnos co “rol” de cartógrafo, fotógrafo, deseñador gráfico, gastrónomo, xeólogo, naturalista e etnógafo.